Os programas de código aberto están cada vez máis presentes nas nosas vidas, e en moitos casos máis do que pensamos nun primeiro intre. Así o certifican os máis recentes estudos de Portalprogramas.com, lanzados con motivo da celebración do Día Mundial da Liberdade do Software (o pasado sábado 18), onde se especifica que o 88% dos usuarios de novas tecnoloxías da información empregan decote programas abertos, amosando de igual maneira unha alta taxa de satisfacción e confianza neles. O estudo, feito sobre unha base de 2.500 participantes de 17 países, preséntase na Rede en versión completa (en pdf) e máis en versión sintetizada (tamén en pdf). Entre a longa listaxe de datos que certifican a boa saúde do software libre, faise saber que 9 de cada 10 persoas xa escoitaron falar del, e que só tivo algún problema con estas ferramentas o 3% dos usuarios.
Polo que respecta ás claves do éxito, enuméranse entre outras a posibilidade de facer actualización periódicas e de dispor do apoio da comunidade internacional de usuarios e deseñadores. Neste senso, 8 de cada 10 enquisados afirman que se actualiza con moita máis frecuencia ca o software privativo. Asemade, tamén se fai saber que os usuarios de Mac OS están entre os máis comprometidos coa programación aberta, e que unha boa parte das persoas que participaron no estudo opinan que o software libre non prexudica ao privativo.
O 88% dos usuarios de TIC usan decote programas abertos
Compartir Este Artigo
