O Concello de Santa Uxía de Riveira, onde cada ano as Festas da Dorna danlle acollida a milleiros de visitantes que se achegan á vila a gozar do sol e da simpatía dos seus veciños e veciñas, non quere deixar pasar a oportunidade de destacar por algo que non sexa o turismo ou a pesca, e aproveitando o tirón que están a ter as LaN Partys na nosa xeografía, vén de convocar a primeira edición da Uxianet 1.0, a primeira festa informática que se celebra no Concello e que achegará a visitantes de toda Galicia.
A vila súmase así á iniciativa de outras vilas galegas como Santiago de Compostela, A Estrada, As Pontes, Celanova ou Vilanova de Arousa, que xa teñen organizado a súa propia party informática, e coa celebración da Uxianet 1.0, os días 8, 9 e 10 de outubro, daralle a acollida a milleiros de internautas dispostos a quitarlle todo o partido posible aos quilómetros de fibra óptica que o Concello habilite para eles.
O prazo de inscrición para participar neste evento, no que non faltarán os típicos concursos, torneos e xogos que hai en toda party informática que se prece, estará aberto ata o vindeiro día 22 de setembro, e poderá participar calquera persoa interesada que conte cun equipo informático de seu e con moitas ganas de pasalo ben con outros internautas festeiros.
Tampouco faltarán os talleres e os obradoiros, nin as charlas con especialistas deste eido, porén os horarios e as persoas convidadas aínda non están pechadas.
Neste senso, a organización vén de habilitar unha dirección de correo electrónico (uxianet@hotmail.com), que as persoas interesadas poden usar para enviar ideas, propostas ou suxerencias para mellorar a party.
Asemade, os responsables do evento veñen de anunciar que irán achegando novas seccións e contidos para o encontro informático, así como os horarios das actividades e incluso o lugar de celebración, que é algo que tampouco está concretado.
Riveira prepara a celebración do seu primeiro encontro informático, o Uxianet 1.0
Compartir Este Artigo

