A pasada tarde Apple realizou unha importante presentación musical na que deron a coñecer a renovación da súa gama de reprodutores multimedia (coa excepción do iPod Classic) xunto con outros anuncios da compañía de Cupertino, no que foi un evento con poucas sorpresas, pois a meirande parte das novidades correspondéronse con bastante precisión cos rumores dos últimos días.
Entre as primeiras novas anunciadas por Steve Jobs estaba o iOS 4.1, a renovación do sistema operativo do iPhone, que busca arranxar problemas co sensor de proximidade e optimizar o seu funcionamento nos vellos iPhone 3G (cos que rexistráronse moitos problemas de rendemento ao actualizar a iOS 4), aproveitándose a actualización para presentar o Game Center, unha plataforma de xogos multi-usuario, e a tecnoloxía HDR que consiste na toma de dúas fotografías co móbil (unha con pouca luz e outra sobreexposta) para realizar unha combinación das mesmas acadando uns resultados bastante satisfactorios (aínda que tamén será posible obter unha fotografía ordinaria).
No tocante o iPad, Jobs anunciou que en novembro contará cunha actualización directa a iOS 4.2, que achegará a multi-tarefa ao trebello con pantalla de 9.7 polgadas de Apple, con outras novidades como a impresión sen fíos e o AirPlay (un sistema de streaming audiovisual dende o ordenador).
Volvendo aos reprodutores multimedia básicos, o iPod shuffle chega á súa cuarta xeración, reducindo o seu tamaño, retomando os botóns de control (cun panel moi semellante ao dos anteriores iPod nano ou ao dos iPod shuffle orixinais), incorporando listaxe de reprodución e levando a súa autonomía ata as 15 horas. Ten unha capacidade de 2 Gb e o seu prezo é de 49 euros.
O iPod nano é posiblemente o reprodutor que máis mudou nos últimos tempos, retomando unha aparencia cadrada (37,5 x 40,9 milímetros) e incorporando unha pinza (o que o asemella excesivamente ao iPod shuffle) e unha pantalla táctil de 1,54 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles. Custará 159 euros no seu modelo de 8 Gb e 189 euros o de 16 Gb, aínda que non sería de sorprender que moitos usuarios preferisen facerse co modelo actual, xa que esta revisión prescinde da cámara integrada (aínda que conserva a radio FM) e da reprodución de vídeo.
Unha renovación que si parecía anunciada era a correspondente ao iPod Touch, que finalmente convértese nun iPhone 4 sen conectividade 3G, GPS e compás (o que permítelle adelgazar en peso e grosor), pois incorpora pantalla Retina, cámaras HD e VGA, permite o uso de FaceTime, xiroscopio e procesador Apple A4. Promete ata 40 horas de autonomía para a reprodución musical e 7 horas para vídeo. O seu prezo será de 229, 299 e 399 euros para as súas capacidades de 8, 32 e 64 Gb.
Jobs destacou a forza que estaban a coller os videoxogos no iPod Touch, asegurando que grazas a tal éxito o iOS estaba a superar á Nintendo DS e á PSP xuntas, aínda que tal afirmación sería moi discutible, pois non fala do número de dispositivos, senón do número de xogos, o que non é unha comparación aceptable, pois a plataforma de Apple conta con moitos xogos de balde ou a prezos moi reducidos (sendo o habitual que custen uns 0,79 euros) mentres que nas consolas portátiles predominan os xogos en soporte físico a prezos de entre 20 e 40 euros (polo que en volume de negocio Apple ten aínda moito camiño que percorrer).
Pero non só o hardware protagonizou o evento de Apple, senón que tamén houbo un curruncho para iTunes, que chega á súa versión 10, e incorpora unha rede social bautizada coma Ping e que permite características semellantes ás que actualmente ten Spotify, permitindo seguir e ser seguido, compartir listaxes de reprodución, cancións e opinións. Esta nova funcionalidade estará presente tanto na versión de escritorio de iTunes coma no iPod Touch e o iPhone. Coma curiosidade, o logotipo de aplicación mudou para prescindir no mesmo dun Compact Disc que tiña de fondo, pois o soporte xa non parece ser algo que o público asocie agora á música.

Primeiro anuncio do novo iPod Touch
O primeiro anuncio do iPod nano destaca a súa facilitadade para vestilo

