Un grupo de persoas da Coruña con diversidade funcional vai participar nas actividades que Telefónica ten previstas no marco do seu Día Internacional do Voluntariado, a celebrar o vindeiro venres 1 de outubro. O colectivo coruñés concorrerá nas actividades a través dunha videoconferencia a tempo real na que aprenderán a empregar este tipo de ferramentas de comunicación. O evento en liña desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas na sede da Caixa Ciberalia, na avenida de Fisterra, da Asociación Pro Persoas con Discapacidade Intelectual de Galicia (ASPRONAGA). A actividade celebrarase de xeito conxunto coa ONG Cibervoluntarios, que conectará ao grupo galego con outro centro para discapacitados da mesma organización en León.
Segundo informa a operadora, “será un intre único no que milleiros de empregados de Telefónica compartirán de xeito simultáneo o seu compromiso coa sociedade, dedicando parte da súa xornada laboral á realización de actividades de voluntariado”. A previsión da empresa é a de levar a cabo unhas 7.000 horas desta acción social durante toda a xornada. No caso de España, traballarase nunhas 40 actividades espalladas por todo o territorio estatal, en tres dos eidos nos que se adoita a traballar dende a empresa: exclusión social, medio ambiente e discapacidade.
Persoas con diversidade funcional da Coruña aprenderán este venres os segredos da videoconferencia da man de Telefónica
Compartir Este Artigo
