Agora que rematou o prazo para consulta aberta pola Comisión Europea acerca da neutralidade da Internet, semella que aos usuarios desta plataforma non hai que nos mova da súa postura, ligada aos conceptos de Rede libre dos que todas e todos temos gozado dende que a Rede é Rede. Deste xeito, as asociacións de usuarios opinan que cómpre lexislar para que as empresas que subministran servizos de acceso e conexión non fagan pesar máis un contidos ca outros dependendo de que se pague ou non unha taxa por eles ou de que eses contidos sexan obxecto dunha meirande circulación. Segundo se informa en ADSLZone, a postura dos operadores e provedores non é tan firme.
O que si se sabe é que será agora a Comisión Europea quen tome a decisión sobre o futuro da neutralidade da Rede, ata o de agora un espazo de coñecemento onde os intereses, que os había e os hai, non semellaban cegar o conxunto.
O caso é que da Comisión depende a certificación de que cos datos, igual que coas persoas, non pode haber criterio discriminatorio. Entre as asociacións de usuarios da Rede hai confianza en que as cousas sigan sendo deste xeito, e un exemplo disto vén da man da Asociación de Internautas, dende a que se piden sancións importantes para quen non achegue o mesmo trato a tódolos contidos, incluídas ferramentas “lícitas” como Skype, á que veñen sometendo dende hai anos a un férreo bloqueo, informan.
Os internautas europeos retoman esta liña para expoñer que as mesmas restricións que están a sufrir as redes P2P, de non tomarse dende a Comisión Europea unha serie de medidas, poderían ser aplicables a webs de uso tan común e necesario como Google ou Wikipedia, arestora fontes de información que se apoian no concepto de Internet libre e que poderían toparse cunha parede no caso de romperse a neutralidade.
Os internautas esixen sancións para as empresas que vaian contra a neutralidade da Rede
Compartir Este Artigo
