Este venres 8 de outubro o Centro Social Caixanova de Vigo acolle unha nova edición, a oitava, do congreso GaliciaTIC, un evento que como o seu propio nome indica sitúase no camiño de procurar a máxima identificación entre a nosa terra e un fenómeno ao que moi dificilmente imos ficar de costas: as Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). A nova convocatoria da xuntanza, como dixemos os días pasados, diríxese máis que nunca a facer o máximo fincapé no potencial das novas tecnoloxías como “factor de cambio”. Ou sexa, como elementos que nos axuden a deixar atrás, definitivamente, todo aquilo que nos levou á crise produtiva, sendo o obxectivo acadar un novo panorama onde as TIC sexan maioritarias.
GaliciaTIC 2010 conta co apoio da Secretaría Xeral de Modernización, Ineo (asociación que lles achega aos seus socios descontos de inscrición de ata o 50%) e o COETG.
O encontro, en termos de Miguel Merino (máximo promotor e responsable do evento), constitúe “unha ineludible cita anual co contorno profesional e empresarial do sector das novas tecnoloxías”. Entre os eixes temáticos que se achegan nesta oitava edición figuran os seguintes: o papel das TIC como facilitadoras dun mundo máis sostible e dun maior rendemento corporativo e o poder transformador estas ferramentas a prol da competitividade das corporacións. O obxectivo da organización é conseguir o máximo dinamismo e participación no devir das diferentes actividades do programa, presentando relatores de máximo renome e prestixio e confrontándoos en réxime de debate e diálogo cos participantes na xornada.
Este venres celébrase a oitava edición de GaliciaTIC
Compartir Este Artigo
