Este mércores 6 comeza a nova edición da Feira Internacional do Libro de Frankfurt, unha das citas máis salientables dun sector que, para ben ou para mal, ten cada vez máis ligazóns co eido produtivo que nos ocupa: o das tecnoloxías dixitais. A feira deste ano 2010, como era de agardar, vaise asemellar máis que nunca a dúas cousas: a unha feira TIC (coas lóxicas diferenzas e especificidades do sector do libro) e, segundo conta GaliciaHoxe, a unha feira do ámbito editorial con emprazamento galego. Así, a un programa de actividades centrado de xeito particular nos novos métodos dixitais de difusión e publicación cómpre engadir unha nutrida presenza de selos galegos, debatendo sobre estes e outros temas, entre os que podemos incluír (entre outros) a Xerais, Toxosoutos, Ir Indo, Kalandraka, Netbiblo, Embora, Andavira, Baía, Nova Galicia, Rinoceronte, Nigra Trea ou Galaxia.
Por certo que o stand de Galicia conta con máis de 60 metros cadrados e inclúe (tamén) representación da Xunta e da Asociación Galega de Editores. Ao seu abeiro presentaranse os vindeiros días iniciativas como a Antoloxía da literatura galega [1196-1981], en edición bilingüe inglés-galego, un proxecto dirixido por Jonathan Dunne e froito da colaboración de Edicións Xerais de Galicia, Editorial Galaxia e a Consellería de Cultura.
Amais de todo isto e xa nun ámbito máis xenérico, a Feira do Libro de Frankfurt servirá este ano (máis que nunca) para afondar na cuestión da crise editorial que estamos a vivir e en cómo a procura de canles, mercados e recursos nas redes poderían axudar a deixala atrás (se é que é posible atopar nas redes o equivalente potencial do mercado tradicional). O tema non é novo, e xa se vén tratando dende hai anos na Feira, pero o que si é novo é a caída xeral de vendas en tódolos ámbitos do sector, feito que vai alén de case todas as expectativas. O programa da Feira, se cadra co arela de escorrentar estes medos, inclúe a presentación de novos modelos electrónicos para os libros dixitais.
A obra dixital, a debate nunha Feira do Libro de Frankfurt con nutrida presenza galega
Compartir Este Artigo
