Por se non fora pouco que certas webs estivesen a pechar de xeito masivo por permitir a descarga de contidos protexidos por dereitos de autor, agora ASGECO, a Asociación General de Consumidores, vén de pedir o peche de dous portais inmobiliarios (Globaliza.com e Idealista.com) por considerar que incurren en prácticas desleais, “derivadas de publicidade enganosa”.
Esta entidade puxo en coñecemento da administración competente unha información relativa aos devanditos portais por considerar que poderían estar a vulnerar a Lei 29/2009, ao ofrecer a publicación de anuncios de balde e posteriormente cobrar polo envío dun SMS Premium ou unha chamada a un 902.
ASGECO Confederación considera que estes portais “emiten informacións falsas ás persoas usuarias, posto que ofrecen publicar anuncios de balde cando en realidade teñen un custe adicional”.
É por isto que esta asociación, que xa logrou que o portal inmobiliario Pisos.com suprimira a palabra “gratis” da portada pola mesma razón, insta a ambas webs a “eliminar calquera expresión que poida referirse a unha suposta gratuidade do servizo” posto que obrigan ás persoas usuarias a empregar servizos Premium, máis custosos que os tradicionais.
Piden o peche de webs por suposta publicidade enganosa
Compartir Este Artigo

