Autobuses híbridos, robótica ou o recoñecemento facial en zonas de seguridade, entre outros, son algúns dos temas que este ano, no marco das IV Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial, JAI 2010, van espertar a curiosidade dos máis de 600 visitantes que se acheguen ata Vigo do 15 ao 19 de novembro, máis polo miúdo, ao Centro Social Caixanova, sede das actividades.
Como viña sucedendo en anos anteriores, as xornadas abriranlles as súas portas a todas aquelas persoas que desexen afondar nos coñecementos en procesos industriais, aínda que facendo especial fincapé nos investigadores e investigadoras, profesionais, docentes, universitarios e universitarias e alumnado de FP que está previsto que se acheguen dende toda Galicia e do Norte de Portugal.
De feito, estas xornadas, segundo valora o profesor Ignacio Armesto, coordinador das JAI 2010, contarán “con máis presenza empresarial que nunca, con 14 relatores, e coa presenza de importantes centros tecnolóxicos”. Asemade, cun ano de retraso “pola crise”, a xornada inaugural contará cun convidado de luxo: a empresa galega Castrosúa, que ten nas súas mans o primeiro autobús híbrido español, fabricado integramente en España con capacidade para 40 pasaxeiros e unha autonomía de 300 quilómetros.
Asemade, no acto de apertura tamén estará un vello coñecido da Universidade de Vigo, Juan Ramón Rodríguez, director de servizos técnicos de PSA Peugeot Citroën e alumno da primeira promoción de Enxeñeiros Industriais, quen falará da evolución da automatización no sector da automoción, non só nos vehículos, totalmente informatizados, senón tamén no proceso de produción.
Ampla presenza internacional
A xornada internacional chegará o xoves, día 18 de novembro, da man de catro relatores europeos. Entre os máis destacados, Stefan Korf, enxeñeiro de Harting, visionario dunha nova tecnoloxía industrial que pode revolucionar a automatización ou as dúas asociacións internacionais de estandarización.
Porén, se algo hai que cómpre salientar nestas xornadas é o caso da universidade alemá de HTW des Saarlandes, na que a de Vigo ten varios estudantes de Erasmus, e que, aínda que semelle algo estraño, “paga por vir”. Segundo informan dende as JAI, “gústalle o proxecto e quere colaborar con el aboando a inscrición”.
Retransmitidas en directo Ás 600 persoas que a organización agarda de xeito presencial nas xornadas, hai que engadirlles os e as asistentes que se acheguen de xeito virtual.
Como xa ocorrera na última edición, os relatorios e conferencias serán retransmitidas en directo pola UvigoTv, algo que facilitará o seguimento do evento por parte das marcas participantes en tempo real, así como por parte daqueles estudantes de escolas técnicas que non se poidan achegar ata a súa sede.
A organización, botando man da súa memoria, lembra que xa no 2007 as JAI tiveron tantos asistentes presenciais como a través da Rede, e este ano, grazas a que tamén se van emitir as sesións en diferido, seguramente se superen récords de asistencia virtual.
Finalmente, con vistas a aumentar a difusión se cabe un pouco máis, nesta cuarta edición das JAI, a organización colaborará coa revista especializada Automática e Instrumentación, e ao rematar o evento recompilarán todo o acontecido nun DVD do que se repartirán unhas 5000 copias con esta publicación nacional entre febreiro e marzo.

