O departamento de proxectos do Parque Tecnolóxico de Galicia, que viña colaborando con outros parques industriais do resto de España a través do Programa COPIT, vai celebrar, o vindeiro día 27 de outubro, a presentación da segunda fase deste programa de cooperación co que xa lograra acordos entre empresas e centros tecnolóxicos no pasado 2009.
A xornada de traballo, que dará comezo a partir das 12 horas no salón de actos, servirá, entre outras cousas, para que as empresas asistentes poidan coñecer de primeira man as oportunidades abertas para cooperar co tecido industrial galego, concretamente coas empresas situadas nos polígonos.
O obxectivo é, en resumidas contas, presentar a metodoloxía a usar por parte das empresas e dos centros tecnolóxicos da Tecnópole interesados na iniciativa para recompilar a súa oferta tecnolóxica. Esta información, segundo informan dende a Tecnópole, “será utilizada para elaborar un catálogo de carácter sectorial” para ser repartido, posteriormente, entre as empresas dos polígonos industriais situados en Galicia, co fin de acadar acordos comerciais e iniciar proxectos conxuntos.
A Tecnópole é coordinadora en Galicia deste Programa de Cooperación entre Parques Industriais e Tecnolóxicos (COPIT), e a súa experiencia e capacidade vén avalada dende o momento no que foi seleccionada como caso de éxito de 2009 a nivel estatal.
Por aquel entón, representantes do Parque Tecnolóxico de Galicia e do Polígono Industrial de Sabón (Arteixo, A Coruña), primeiro recinto industrial colaborador na comunidade, presentaron en Madrid o desenvolvemento e os resultados das actividades levadas a cabo na primeira fase.
Os acordos acadados producíronse como resultado de tres sesións de traballo nas que tecnólogos e empresarios do Parque Tecnolóxico de Galicia intercambiaron información sobre servizos e proxectos con empresarios dos Polígonos de Sabón e San Cibrao, nos que expuxeron principalmente as súas demandas tecnolóxicas para establecer o punto de partida cara novas relacións comerciais e proxectos de innovación conxuntos.
As sesións tiveron carácter temático e celebráronse vía videoconferencia para cumprir así un dos principais obxectivos do programa: que a distancia xeográfica non fose unha barreira para establecer un primeiro contacto entre empresas galegas con intereses comúns e posibilidades de mellorar a súa competitividade grazas á cooperación de base tecnolóxica.
Esta iniciativa estase a levar a cabo en toda España a través de 20 parques científicos e tecnolóxicos e 28 polígonos industriais, que buscan mellorar a competitividade das empresas e centros tecnolóxicos situados nestes recintos a través de fórmulas de cooperación entre eles.
Tecnópole colaborará de novo con outros parques tecnolóxicos de España
Compartir Este Artigo

