O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) reunirá en Santiago durante a vindeira semana (os días 2, 3 e 4) a diversos especialistas de renome en materia TIC para afondar na normativa sobre a protección de datos no impulso de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías. Na organización destes encontros colaboran a Xunta de Galicia, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC e o Centro de Estudos Cooperativos da mesma universidade. As xornadas, para as que están inscritas unhas 150 persoas, servirán para avaliar a fondo cuestións como a lexislación sobre protección de datos, propiedade intelectual e comercio electrónico, entre outros aspectos.
O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan José Casares Long, inaugurará o encontro o vindeiro martes, ás 10 horas na aula magna da Facultade Ciencias Económicas, acompañado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo; a decana da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC, Emilia Vázquez Rozas; o subdirector xeral de Calidade e Interoperabilidade da Secretaría Xeral de Modernización da Xunta, Jaime Barros Leboreiro; e o secretario do Centro de Estudos Cooperativos (CECOOP) da USC, Rafael Millán Calenti.
Estas xornadas desenvólvense no marco do convenio establecido entre o Colexio e a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. A actuación forma parte das iniciativas impulsadas pola Axenda Dixital 2014.gal da Xunta de Galicia.
O CPEIG organiza a partir do día 2 unhas xornadas sobre protección de datos
Compartir Este Artigo
