O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitando que a chegada da Rede de alta velocidade á súa provincia xa deixou de ser unha utopía en practicamente todo o territorio (e que no 2014 xa será un feito ter Internet de banda larga en tódolos recunchos de Galicia), vén de presentar un innovador proxecto (que aprobará mañá a Comisión Executiva do INCLUDES) destinado a poñer en marcha unha plataforma de comercio electrónico en liña para uso e disfrute das empresas da provincia.
Esta plataforma, que vai contar con 630.323 euros para o seu desenvolvemento, permitirá que as empresas instaladas en Lugo vendan os seus produtos a través de Internet, conseguindo, segundo informan, “unha maior proxección local, nacional e internacional”.
Durante a presentación do proxecto, Gómez Besteiro subliñou que a súa intención “é pegar un salto no campo das novas tecnoloxías na administración, pero sen deixar de perder outras actuacións en relación cos autónomos e coas empresas”.
Neste senso indicou que este espazo, “será o primeiro centro comercial virtual da provincia, onde terán capacidade todas as PEMES luguesas”, que por certo, poderán botar man del totalmente de balde para dar a coñecer os seus produtos e servizos por todo o mundo.
Esta iniciativa, que se inclúe dentro do programa Innova-TE, terá un prazo de execución de 6 meses. Na fase inicial da plataforma, participarán a 20 empresas piloto de todos os sectores, que poderán ofrecer ata 10 produtos, polo que o sistema arrancará cunha oferta inicial de 200. Superada esta fase, a plataforma non terá límite, polo que progresivamente continuará aumentando a oferta.
Importantes beneficios para as empresas
Os beneficios que esta plataforma en liña lle reportará aos empresarios e empresarias da provincia son moitos e evidentes, porén, se a isto lle engadimos que se vai xestionar dende o Centro de Procesamento de Datos para que saia máis económico, amplíase o abano de organismos beneficiados.
Asemade, a plataforma presenta outra serie de vantaxes das que cabe destacar a súa gratuitidade, os servizos de pago e facturación electrónica que facilita, a capacidade de incrementar a autonomía das empresas na xestión dos seus catálogos de produtos, o aforro de tempo e cartos dos clientes das entidades participantes, etc., así como a posibilidade de ofrecer, por primeira vez, unha imaxe de marca de Produtos de Lugo, independentemente do provedor que os ofreza.
Observatorio da Sociedade da Información
Dentro desta iniciativa e de xeito paralelo, o organismo provincial tamén creará o primeiro Observatorio da Sociedade da Información da provincia de Lugo. Gómez Besteiro explicou que “baixo a premisa de que o que non se mide, non se pode mellorar”, esta iniciativa ofrecerá datos fiables da evolución do uso das novas tecnoloxías na provincia, calibrando os investimentos alí onde realmente se necesiten.

