A falta de dous meses para que remate o ano 2010, un ano que lembraremos durante moito tempo pola celebración do Xacobeo máis tecnolóxico (e tamén, todo hai que dicilo) pola visita do Papa a Santiago de Compostela, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica vén de facer balance do que deron de sí os 7,6 millóns que tiña para desenvolver o seu Programa de Axudas ao sector TIC 2010 e o resultado non podía ser máis satisfactorio: preto de 300 proxectos do sector TIC galego subvencionados para seren levados a cabo nos vindeiros meses.
O Programa recollía catro liñas de actuación, as destinadas ao fomento da empresa dixital e a empresas do sector TIC e que concentraron a maior dotación económica con preto de 6 millóns de euros e as axudas para o fomento dos contidos dixitais e ás entidades sen ánimo de lucro para a promoción da sociedade da información, que se adxudicaron cun importe total de 1,8 millón de euros.
Para a primeira das liñas de actuación, o departamento que dirixe Mar Pereira, destinou este ano un total de 3.245.562 euros cos que se subvencionaron 94 iniciativas que achegarán diferentes solucións tecnolóxicas en ámbitos tan dispares como o sanitario, o educativo, o social, o da administración electrónica, ou a loxística do comercio e a industria.
Para potenciar o desenvolvemento do sector empresarial da sociedade da información, a Secretaría Xeral subvencionou con 2.525.000 euros un total de 76 iniciativas de empresas que desenvolven a súa actividade económica especificamente no sector das tecnoloxías da información e da comunicación. Esta convocatoria contemplaba dúas liñas de axudas, por unha banda a das capacidades TIC, para que as empresas poideran ofrecer mellores produtos e servizos apoiándose de distintas certificacións e pola outra, as prestacións centradas en áreas tecnolóxicas como os avances na TDT, achegas en eficiencia enerxética, fogar dixital ou novas utilidades TIC aplicadas ao transporte, entre outras cousas.
Outra das liñas contemplada no devandito Programa de Axudas era a destinada a actuacións de promoción e difusión da sociedade da información. A Secretaría Xeral resolveu financiar con 970.727 un total de 89 proxectos repartidos en catro liñas de acción, que van dende a celebración de xornadas e relatorios para promover o uso das TIC entre a cidadanía ata as actuacións de difusión das novas tecnoloxías entre empresarios e empresarias galegos.
Para subvencionar a produción e publicación de contidos dixitais, (a última das liñas recollidas no programa), Modernización destinou un orzamento de 879.185 euros para 39 iniciativas que, entre outros requisitos, deberán responder ás necesidades reais e específicas dun determinado sector de usuarios ou actividade, achegando vantaxes tecnolóxicas e baseadas nas TIC.
Máis de 300 proxectos tecnolóxicos recibiron axudas de modernización este ano
Compartir Este Artigo

