O vindeiro día 25 de novembro chegará ás tendas españolas nas súas versións de PSP, Nintendo DS e Wii o xogo Michael Jackson The Experiencie, que promete facer revivir a maxia e o ritmo da música do Rei do Pop nunha experiencia interactiva a través das cancións máis representativas da discografía de Michael Jackson coma Bad, Beat It, Black or White, Billie Jean, Who is it, They don’t care about us, Smooth Criminal e moitas outras, o que no caso da Wii promete ser especial grazas ao seu sistema de control, así como polo feito de que vai incluír de agasallo unha luva exclusiva que replica a que lucía Jackson nas súas actuacións para agochar a depigmentación da súa pel por mor do vitiligo.
O xogo coa luva será unha edición limitada que non incrementará o prezo do produto, aínda que descoñecemos a dispoñibilidade global que haberá desta versión (polo momento no figura no catálogo en liña das tendas españolas).
Os usuarios de DS e PSP quedarán cos gañas de ter este curioso complemento, descoñecéndose se as futuras versións para PlayStation 3 e Xbox 360 (adiadas ao ano que vén a causa da súa adaptación aos novos sistemas de control de movemento destas consolas) incluirán algunha sorpresa semellante.
A versión de Wii do Michael Jackson The Experience permitirá participar ata a 4 xogadores (contando con modos 1 contra 1 e 2 contra 2), poderase xogar como Jackson ou no papel dun membro do seu equipo de baile, incluirá un modo escola para aprender as súas coreografías e, aínda que non esteamos ante un xogo de karaoke, durante a reprodución das cancións teremos en pantalla as súas letras para poder cantalas a viva voz.
De todos os xeitos cómpre destacar que o xogo para Wii estará moi lonxe da experiencia do Dance Central para Kinect, pois a Wii carece de cámara, de xeito que estamos ante un título no que os movementos de baile guiaranse co mando da Wii, cunha mecánica que parece quedar clara no seguinte vídeo:
Trailer do xogo

