Na súa teima por darlle pulo ao desenvolvemento da Sociedade da Información no ámbito empresarial do noso país, a asociación Ineo, vén de asinar un convenio de colaboración co Consorcio da Zona Franca de Vigo, con quen traballará cóbado con cóbado para, entre outras cousas, mellorar a competitividade do tecido produtivo de Galicia.
Este convenio, asinado esta mesma mañá no marco do Plan Estratéxico para o Sector Produtivo do TIC, dá continuidade ás accións conxuntas que realizan a Zona Franca e INEO para o impulso da Sociedade da Información así como para o fortalecemento da competitividade das pequenas e medianas empresas da Eurorrexión, baseándose na innovación empresarial.
Cunha duración de tres anos, este convenio permitirá que ambas entidades traballen xuntas no desenvolvemento de servizos de valor engadido que melloren a competitividade do sector TIC galego, tales como solucións de software máis innovadoras, modelos de negocio competitivos, promoción de produtos e servizos das empresas TIC…
Por outra banda, ambas as entidades prestarán apoio estratéxico ao deseño da Rede Social do Sistema Produtivo do TIC en Galicia, que segundo afirman dende a asociación, “pretende identificar focos de innovación, creatividade e talento nas empresas tecnolóxicas, para pór en valor este sector produtivo”.
En virtude do convenio asinado esta mañá, INEO convértese en “socio tecnolóxico prioritario” da Zona Franca de Vigo e, ademais, a Delegada convértese en membro do Consello Consultivo da organización. Zona Franca e INEO unen esforzos para impulsar o desenvolvemento das novas tecnoloxías en diversos sectores produtivos, co obxectivo de incrementar a súa produtividade, impulsar a súa competitividade e crear novas oportunidades de negocio.
Ineo e a Zona Franca de Vigo unen forzas para mellorar a competitividade das nosas empresas TIC
Compartir Este Artigo

