
Na presentación de Smart en Santiago, un programa europeo impulsado dende a nosa terra pola Fundación para o Fomento da Calidade Industrial, participaron arredor de 40 empresas do noso eido tecnolóxico-dixital e máis representantes dalgunhas das firmas máis punteiras do carretado de mercadorías e/ou persoas.
O nexo común das compañías TIC perante a cita foi este: todas tiñan algo que ofrecer, presente ou futuro, para mellorar polo vieiro tecnolóxico cousas como a circulación asistida, a seguridade nas estradas ou ben a eficacia no consumo de combustibles. “Sen dúbida a este respecto hai potencial”, comentou Cebreiros, e máis tendo en conta a situación que estamos a vivir: unha situación adversa de crise económica e produtiva. Ao seu xuízo, o único que se pode facer nun contexto coma este é innovar para sermos máis competitivos, e por esta vía van eventos como o Smart Intracluster Event.
Na súa opinión, a crise deixou consecuencias, pero non unilateralmente negativas. Do que se trata é de sacar proveito do negativo para facer algo positivo. “As empresas, tanto do noso sector coma de outros, xa adelgazaron, e agora só lles queda músculo”, dixo, facendo referencia ás boas perspectivas que se lles ofrece ao noso tecido produtivo TIC, de abondo preparado para consolidarse no terreo da innovación no transporte. “Non temos que ir procurala fóra”, puntualizou.
Como dixemos, o evento foi impulsado por Ineo e máis a Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia, sendo o programa do que xorde, o proxecto Smart, unha actividade cofinanciada polo 7º Programa Marco da Comisión Europea, cuxo obxectivo é fomentar a participación das empresas en plans de I+D ligados á mellora do carrexo por terra, aire ou mar de persoas e mercadorías.
A xornada contou coa participación (entre outros profesionais) de Covadonga Toca, xerente da dita Fundación, Jorge Cebreiros, presidente de Ineo, e máis Octavio Pernas, director territorial de Econet, quen fixo un repaso polos programas de axudas europeas a través dos cales as empresas poden obter pulo para proxectos I+D no transporte.
Tamén acudiron Luís Moreno, director xeral do CTAG; José Carlos García, secretario xeral de FEGATRAMER e José Luís Liñares, director xeral de FEGABUS.
As nosas empresas TIC amosan en Santiago o seu potencial para a mellora do transporte
Compartir Este Artigo
