O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, foi o encargado de clausurar a convención de directivos celebrada por APD nos días pasados en Compostela. Este congreso, o primeiro das súas características, achegou á capital galega aos máis importantes empresarios do Estado, que deron conta, de primeira man, das súas experiencias ao mando das entidades máis destacadas do panorama actual.
Na súa intervención, Guerra fixo un chamamento a “perseverar na modernización das estruturas empresariais, favorecendo a adaptación das empresas ao novo mercado global, impulsando a competitividade, a internacionalización e a innovación pero tamén a asunción dun compromiso ético que dinamice o cambio nas empresas”, unhas verbas que resumen ao detalle o que alí se tratou durante dúas xornadas.
Javier Guerra amosouse convencido de que a internacionalización é unha das fórmulas que pode “axudarnos a manter os nosos niveis de benestar e emprego, a través da mellora da competitividade das nosas empresas”, pero advertiu tamén que a proxección exterior dunha empresa debe entenderse na súa totalidade, comprendendo no só as exportacións ou as importacións senón incorporando a ética empresarial como expresión e demanda dese novo orde global.
O I Congreso Nacional de Directivos de APD, apoiado pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, converteu Galicia en protagonista dun debate chamado a xerar pensamento e reflexión ao máis alto nivel para contribuír ao progreso da xestión empresarial e á recuperación económica. Na intervención de clausura, Guerra destacou a cooperación, o capital humano e o intercambio de coñecemento como instrumentos de valor para que as empresas accedan ás dinámicas de innovación máis efectivas, incrementen a súa competitividade e, en consecuencia, consoliden a súa internacionalización.
Os debates do encontro desenvolvido baixo o lema Os camiños da reactivación, que foi inaugurado onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estiveron estruturados en tres paneis diferenciados: o primeiro centrouse nas grandes tendencias que están cambiando o mundo, desde ámbitos como as finanzas, as relacións entre sociedade, política e empresa ou as novas tendencias tecnolóxicas e científicas; o segundo panel abordou as tendencias que están cambiando ás empresas, tanto no eido financeiro como nos da xestión dos recursos humanos, a incorporación dos novos sistemas de información a través das TIC, o marqueting, o bo goberno ou a responsabilidade social corporativa; e o terceiro panel abordou aos grandes retos que ten que enfrontar a empresa española no ámbito da competitividade, incluíndo aspectos referidos á internacionalización, dimensión, innovación, produtividade, xestión do cambio, financiamento ou creatividade e marca.
Javier Guerra clausura a convención de directivos velando pola modernización das empresas
Compartir Este Artigo

