A quince días da súa apertura, a primeira edición do salón-congreso SITE esgotou xa o seu espazo expositivo. Así nolo contan dende a organización-acubillo do evento TIC, EXPOCoruña, o recinto que durante os vindeiros 17 e 18 de novembro acollerá o Salón Internacional de Tecnoloxía. Máis polo miúdo, estamos a falar da ocupación temporal dun escenario de 2.500 metros cadrados, habilitado no prisma 1º do primeiro andar e centro de operacións dunha feira que servirá, entre outras cousas, para dar a coñecer as propostas máis innovadoras de Accenture, Oracle, HP, Ricoh, Tecnocom, IBM, R, Microsoft ou Telvent. No que se refire ao programa congresual tamén hai novidades. Máis en detalle, confirmouse a incorporación de novos moderadores (como Mar Pereira, secretaria xeral de Modernización, e Ricardo Capilla, director xeral de I+D) e relatores procedentes de empresas de primeira liña no aproveitamento tecnolóxico da tecnoloxía, como a devandita Ricoh, Fujitsu ou Business Integration Partners, que se suman a entidades como Inditex, BBVA, Grupo Santander, Grupo Antolín ou ABI Lab-Italia.
“Unha ampla representación de expertos e corporacións punteiras”, sinalan dende EXPOCoruña, “que contribúen a crear en SITE un punto de encontro de tecnoloxías e profesionais nos eidos das transaccións, a internacionalización, a tecnoloxía financeira e a tecnoloxía no sector público”.
A idea do equipo responsable, a maiores, era marcar diferenzas co modelo de congreso constituído por charlas maxistrais para dar cabida, de xeito amplo, á interactividade e máis á participación, coma se dunha plataforma 2.0 se tratase. “Dúas conferencias, na inauguración e na clausura, e varias mesas redondas dirixidas a implicar ao público combínanse con fast tracks, pequenas pílulas de información que avanzará cara a onde apunta o futuro das solucións tecnolóxicas”, infórmase.
Polo que atinxe aos contidos do programa do congreso, o miolo do mesmo, dicir que estará especialmente deseñado para achegarlles ferramentas de decisión aos directivos de banca, telecomunicacións e administracións públicas, sobre todo aos directores de sistemas, de innovación e de internacionalización de todo tipo de empresas.
Quen está detrás de SITE?
Organizado por Expocoruña e promovido pola Xunta, a Cámara de Comercio da Coruña e Caixa Galicia, a primeira edición de SITE conta co apoio dun salientable grupo de empresas e entidades integradas nos seus comités organizadores e de honra, como por exemplo a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Cluster TIC, o Banco Pastor, Credit Agricole, o operador galego R ou a multinacional galega Inditex.
O salón SITE completa o seu espazo expositivo a quince días da súa inauguración
Compartir Este Artigo
