O Centro Tecnolóxico das Telecomunicacións de Galicia, Gradiant, vén de iniciar, un ano máis, as actividades de divulgación da ciencia e da tecnoloxía dirixidas a rapaces e rapazas dos centros galegos de ensino secundario e bacharelato, para que comproben de primeira man, o divertida que pode ser a ciencia se se aplica convenientemente á nosa vida cotiá.
Os obxectivos do centro son, segundo informan, “a investigación aplicada e a transferencia ao sector empresarial”, porén tamén lle outorgan gran importancia á divulgación, para conseguir facer partícipe a toda a sociedade dos últimos avances en materia TIC (facendo especial fincapé nos máis mozos).
É por isto que dende Gradiant, teñen un especial interese por levar a cabo actividades de divulgación científico-tecnolóxica, participando cada ano, dende a súa fundación, en diversas iniciativas financiadas pola Xunta de Galicia e outras institucións.
Nesta edición, Gradiant volve organizar un certame de relatos curtos en galego: o II Certame de Relatos de Ciencia Ficción de Gradiant, dirixido a estudantes que estean cursando entre 1º de ESO e 2º de Bacharelato
Os alumnos e alumnas compiten en tres categorías diferentes para facerse cunha Xbox 360 ou cunha Nintendo DS, dependendo do posto que acaden.
O prazo para entrega de traballos para este certame remata o vindeiro día 12 de novembro.
Asemade, desenvolverase unha xornada de obradoiros de electrónica e outras temáticas, que se recollen baixo o título Enxeñeiros por un día e que se desenvolverán os días 15 e 16 de novembro.
Nesta cita, os alumnos e alumnas participantes recibirán información de utilidade mostrada de xeito atractivo e doado de entender, e poderán experimentar na súa propia pel o traballo que desenvolven os enxeñeiros no centro, manipulando os mesmos aparellos electrónicos que manexan os investigadores diariamente.
Trátase de facer accesible a tecnoloxía e alentar novas vocacións de enxeñeiro a través de pequenos obradoiros celebrados nun ambiente lúdico e distendido, no que os estudantes poderán interactuar cos investigadores encargados de cada actividade.
Estes últimos tamén levarán a cabo pequenas charlas introdutorias e guirán visitas polas instalacións do Centro.
Para rematar, os alumnos asistentes tamén poderán comprobar as vantaxes de Internet e aprenderán a usar esta ferramenta de xeito eficaz, sacándolle o máximo partido nas xornadas Descubrindo Internet, onde se lle plantaxarán temas de actualidade en torno á Rede 2.0.
As charlas completaranse cun obradoiro práctico e cun xogo de rol que axudará a comprender o funcionamento de internet.
Gradiant inicia as súas actividades de divulgación científico-tecnolóxica
Compartir Este Artigo

