Unha das características que mellor describe a cultura do século XXI é a dixitalización; a electrónica de consumo, sexa cal sexa a súa función no fogar, é cada vez máis sofisticada e a oferta deste tipo de produtos (ben sexan destinados ao ocio ou ben ao traballo) está a multiplicarse sen freos para satisfacer a calquera tipo de consumidor.
Baixo esta premisa e sabendo que todo canto nos rodea está relacionado (directa ou indirectamente) co dixital, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, organiza a cuarta edición do Foro Internacional de Contidos Dixitais, FICOD 2010 (a partir do vindeiro 16 de novembro), onde dará a coñecer a situación actual da industria dixital en España.
Este evento, do que se dí que é “a gran cita internacional desta industria emerxente”, celebrarase ao longo de tres xornadas no Palacio Municipal de Congresos Juan Carlos I de Madrid, e nela daranse cita máis de 15.000 profesionais do sector TIC procedentes de todo o mundo; 120 empresas colaboradoras e 200 relatores.
Entre outras cousas, FICOD 2010 porá no punto de mira o desenvolvemento do comercio electrónico e o impulso aos emprendedores empregando as novas tecnoloxías como panca
Logo da sesión inaugural da man de Guy Kawasaki, gurú do marketing e os Social Media, dará comezo un extenso programa de actividades, cuxo obxectivo será profundizar no coñecemento da industria de contidos dixitais e analizar as oportunidades e desafíos dun mercado que se atopa en pleno crecemento e que ofrece un enorme potencial de desenvolvemento. O obxectivo desta edición será, en xeral, crear un marco de traballo e reflexión que permita fortalecer e darlle pulo á relación da industria dos contidos dixitais cos axentes desenvolvedores do sector.
Durante 3 días, profesionais da televisión, da publicidade, do cine, da música, dos videoxogos, da animación, das publicacións dixitais, da formación en liña, do xornalismo dixital e da publicidade interactiva, entre outras actividades, asistirán á cita do ano, onde poderán comprobar de primeira man os novos produtos e servizos que sairán ó mercado mesmo antes de que cheguen a anunciarse.
Nesta edición, Alemaña é o país convidado, por ser un dos grandes referentes do mercado de contidos dixitais en Europa e mesmo a nivel mundial.
Outros relatores convidados á cita, ademais de Kawasaki, serán Anthony Rose, actual director de Tecnoloxía de YouView e creador do iPlayer para BBC, Anders Sjöman, director de comunicación de Voddler, Antonio González Barros, fundador e presidente do Grupo Intercom ou Saul J. Berman, socio responsable de Estratexia e Innovación da división de consultoría de IBM, entre outros.
O programa inclúe, asemade, máis de 20 mesas redondas que, ao longo das tres xornadas, abordarán todos os asuntos de actualidade no panorama dixital e as características que definen un mundo cada vez máis marcado polas novas tecnoloxías.
Completan a oferta un total de 118 obradoiros, que este ano asumen un papel clave no Foro xa que servirán de plataforma para o diálogo e o intercambio de ideas para incubar proxectos de todo tipo e sacar o máximo proveito á experiencia do asistente a FICOD.
Plan Avanza 2
Este punto de encontro de referencia para o mundo dixital prodúcese con vistas á posta en marcha da Estratexia 2011-2015 do Plan Avanza 2. Esta iniciativa combina o impulso dos servizos públicos dixitais co da industria española relacionada coa produción, xestión e distribución de contidos dixitais que potencien o uso das TIC e aceleren o desenvolvemento da sociedade do coñecemento.
O futuro da industria dos contidos dixitais debaterase en FICOD 2010
Compartir Este Artigo

