Semella que a Cidade da Cultura tamén servirá para dar acubillo a debates arredor das redes, cousa máis ou menos previsible tendo en conta que unha boa parte do coñecemento que xeramos pasa de xeito inevitable por aquelas. Dito doutra maneira: ter unha Cidade da Cultura e deixar de lado a reflexión arredor das redes sería un sen sentido. De igual maneira, tamén se podería xerar debate acerca da comenencia de ter unha Cidade da Cultura ou non, aínda que isto é outro cantar. O caso é que para pór en marcha a Biblioteca de Galicia, a fundación que xestiona o complexo de Gaiás vai organizar os días 1 e 2 de decembro un encontro internacional para afondar no novo papel das bibliotecas, cultural e social, perante os cambios derivados das novas tecnoloxías da información. O encontro contará con algúns dos principais expertos internacionais en coñecemento e nos diferentes métodos postos en marcha polo home para darlle refuxio, continuidade e transmisión.
O pensador italiano Claudio Magris, Premio Príncipe de Asturias das Letras, o poeta e ex ministro de Cultura César Antonio Molina, o Premio Cervantes e actual Embaixador da República Chilena en París, Jorge Edwards, a crítica literaria Mercedes Monmany serán algúns dos convidados, xunto a especialistas nas novas canles da comunicación como Román Gubern, profesor Emérito da Universidade Autónoma de Barcelona, ou Derrick de Kerckhove, director do McLuhan Program in Culture and Technology da Universidade de Toronto.
A intelectualidade galega, informa a Cidade da Cultura, estará representada por Xosé Ramón Barreiro, historiador e Profesor Emérito da Universidade de Santiago, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, a novelista e profesora da Universidade de Vigo Rexina Vega ou o tamén escritor e Premio Nacional de Literatura Alfredo Conde, así como Daniel Buján, subdirector xeral de Bibliotecas, e José Antonio de Ory, subdirector xeral de Promoción e Relacións Internacionais do Instituto Nacional de Cine e Artes Audiovisuais (INCAA), José Antonio de Ory.
Segundo o director científico do encontro, José María Paz Gago, “trátase de repensar o papel cultural e a función social das bibliotecas antigas e modernas desde o momento presente, o momento crucial que vivimos nestes albores do terceiro milenio”. Ao seu xuízo, as redes están a mudalo todo, xa non só o xeito de albergar e comunicar o coñecemento, senón o coñecemento mesmo. Así, as novas tecnoloxías e os novos soportes comunicativos que se van impoñendo e mais a relación complexa entre o libro como texto impreso e como texto dixital esixen unha reformulación da lectura e dos seus espazos –reais ou virtuais– “que neste encontro se abordará sen rodeos”, sinala.
O novo papel das bibliotecas perante as redes, a debate os días 1 e 2 de decembro na Cidade da Cultura
Compartir Este Artigo
