Un ano máis, e con este xa van nove, vén de dar comezo no noso país a Semana da Ciencia, unha iniciativa estatal na que participan outras Comunidades Autónomas que xa se consolidou como o meirande evento de comunicación social da ciencia e a tecnoloxía que se celebra en toda España.
Esta edición, na que participan un total de 660 entidades, tanto públicas como privadas (o que supón preto dun 30 por cento máis respecto ao pasado ano), desenvolverase ata o vindeiro 22 de novembro, tempo no que se levarán a cabo 2.177 actividades de divulgación repartidas por todo o Estado.
A esencia desta cita mantense tamén nesta edición e os obxectivos volven a ser achegarlle a ciencia ao público de tódalas idades, estimular o gusto polo saber científico e incentivar a participación da cidadanía en cuestións científicas, mediante iniciativas divulgativas e amenas que se celebrarán en museos, universidades, centros de investigación ou parques tecnolóxicos, entre outros espazos.
A presente edición da Semana da Ciencia enmárcase dentro do Ano Internacional da Biodiversidade, con actos nos que se difundirá información, se promoverá a protección da diversidade biológica e se alentará ás organizacións, institucións, empresas e público en xeral a tomar medidas directas para reducir a perda constante da diversidade biológica global.
Entre as diversas actividades que se desenvolverán en Galicia durante a Semana da Ciencia, destacan os cursos e obradoiros, as xornadas de portas abertas e as mesas redondas e relatorios, por seren os máis numerosos. Porén tamén se desenvolverán ciclos de cine e teatro, itinerarios didácticos e excursións, así como exposicións, páxinas web, premios e presentacións.
A páxina oficial do evento recolle todas as actividades que se desenvolverán daquí ao 22 de novembro en toda España e nela tamén é posible obter información do programa que se levará a cabo no noso país, con datas, horarios, lugares de celebración, resumos dos contidos…
Porén a presenza virtual non queda só na web oficial e a comunidade internauta poderá seguir o programa de actividades en diferentes redes sociais como Facebook e Twitter, onde se atopa información actualizada sobre as distintas actividades.
Asemade, durante o tempo que dure a Semana da Ciencia, os internautas poderán votar polas mellores imaxes científicas presentadas á 8ª edición do Certame de fotografía científica FOTCIENCIA, a través da súa web oficial.
Comeza oficialmente a Semana da Ciencia
Compartir Este Artigo

