Se ben foron moitas as canles de televisión que se aproveitaron da chegada da Rede 2.0 ao noso país para subir os seus contidos a Internet (acadando un novo nicho de audiencia), as universidades non quedaron atrás, e tamén viron nesta ferramenta unha serie de vantaxes que non deixarían de aproveitar para facer mella nos seus estudantes, caracterizados cada vez máis polo seu consumo case exclusivo de material audiovisual.
De feito, tan boa foi a acollida da canle de televisión da Universidade de Vigo ao longo do pasado curso académico, que superou os 1,1 millóns de vídeos vistos, entre clases gravadas, relatorios e outros eventos que había a súa total disposición.
A comunidade de estudantes demandaba a gritos este tipo de ferramentas en liña e malia que agora “a discusión está en se é interesante ou non a nivel docente”, o certo é que a boa acollida que ten é mostra de que realmente se pode aproveitar para uso lectivo sen barreira algunha.
Polo momento, os responsables desta televisión en liña gravan unhas 500 horas ao ano e xa teñen máis de 4500 vídeos almacenados en PuMuKIT, unha plataforma deseñada e liberada pola Universidade de Vigo que permite automatizar o proceso de publicación vía Internet de contidos audiovisuais a través de canles como YouTube.
Precisamente aí radica o interese desta ferramenta posto que ter os contidos catalogados na casa “é fundamental”, segundo Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade, “para poder extraelos de maneira mecanizada sen problema algún”.
A chegada da Universidade ao mundo de Apple (a primeira de fala hispana que participa no sistema) tampouco foi nada mal. Non levan nin un ano e xa houbo preto de 100.000 descargas a través de iTunesU, a metade delas desde Estados Unidos.
Agora xa están na elite participando con máis de 600 universidades, algunhas tan importantes como Oxford, Cambridge, Yale ou Berkeley.
UVigoTV supera o millón de vídeos vistos
Compartir Este Artigo

