Tras o éxito de Battle of Puppets, o estudo de videoxogo lugués Smallwonders estrea hoxe na App Store a un prezo de 0,79 euros o xogo para iPhone e iPod Touch World of Popus, que é un título de acción no que o usuario toma o papel dun deus para controlar aos personaxes coñecidos coma Popus a través de diferentes escenarios cheos de obstáculos que inclúe labirintos, carreiras e xogos de estratexia.
Este curioso xogo ten un control divertido e intuitivo no que a través de 15 niveis e dous modos de xogo (normal e desafío) podemos manexar aos Popus cun único dedo, de xeito que estes simpáticos personaxes (15 en total) correrán na dirección oposta ao lugar da pantalla na que coloquemos o dedo (pois temen ser esmagados polos seu deus), a unha velocidade inversamente proporcional á distancia que os separa do noso dedo.
Os retos que deberán enfrontar os Popus son moi perigosos, polo que será habitual a súa morte de xeitos diversos que poderán coleccionarse a modo de imaxes animadas nunha galería, para poder amosar logo aos nosos amigos.
Ao repartirse o xogo en múltiples retos de curta duración, con mecánicas de xogo diferentes en cada escenarios, temos un título ideal para xogar tanto no tempo de lecer coma en tempos mortos sen preocuparnos por ser interrompidos na nosa partida.

En definitiva, un xogo moi completo que servirá para manternos ociosos mentres agardamos o lanzamento de Yum Yum Boy, o terceiro xogo de Smallwonders que promete manterse na mesma liña de diversión para todos os públicos que a Battle of Puppets valeulle o premio a mellor xogo móbil no GameLab 2010.
Trailer do xogo
World of Popus, o novo xogo lugués para iPhone, xa está á venda
Compartir Este Artigo

