O Grupo de Sistemas Intelixentes da USC, na súa teima por atopar ferramentas que melloren a comunicación en liña dos internautas, facendo especial fincapé na comunidade universitaria e en todo o relacionado coa cidade da súa sede: Compostela, veñen de crear unha aplicación que permite buscar as opinións que teñen os peregrinos respecto das súas experiencias no Camiño de Santiago, deixadas en distintas páxinas web, blogs e redes sociais.
Trátase de O!Search, un buscador vertical enfocado ao dominio do Camiño compostelán para o que se empregaron tecnoloxías propias dos campos de Recuperación da Información e Aprendizaxe Automática.
O obxectivo desta ferramenta, na que traballaron a reo os integrantes deste Grupo da USC, é facilitar a localización de información relevante sobre o Camiño a partir de consultas de texto expresadas polos usuarios dos blogs e a estimación da subxectividade e polaridade das opinións vertidas. Deste xeito, os usuarios da aplicación poderán realizar escollas que ofrezan unha visión dos peregrinos sobre distintos aspectos da súa peregrinación, como o estado de determinados aloxamentos, a calidade e prezo dun determinado local gastronómico ou a pertinencia de visitar un monumento en particular.
O investigador David Losada, director de O!Search, asegura que este buscador especializado “posúe unha grande aplicabilidade non só no ámbito da busca de opinións sobre o Camiño de Santiago senón en todos aqueles dominios onde resulte de interese monitorizar as opinións de usuarios, clientes e compradores de produtos ou servizos de distinta índole”.
A USC deseña un buscador de opinións en liña sobre o Camiño de Santiago
Compartir Este Artigo

