A galega tecnolóxica Ayco, que fora escollida por Vodafone para representar ao sector TIC do noso país na feira MOVE 2010, celebrada recentemente en Madrid, presentou con éxito a súa ferramenta BDLocaliza, o primeiro sistema de xeolocalización de persoas en tempo real deseñado para o novo Samsung Galaxy Tab, un tablet desenvolvido para competir co famoso iPad de Apple.
Esta empresa, socia de INEO, está especializada en I+D e no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas de calidade, e así o vén de demostrar na pasada feira tecnolóxica celebrada na capital española, onde ademais do BDLocaliza presentou un sistema de control de actividade e presenza que leva por nome Check Point.
Esta ferramenta permítelle a calquera organización dispor, de maneira inmediata, de información sobre a situación e a duración da actividade realizada polos usuarios que se atopan fóra do centro laboral, o que permite facer un seguimento á distancia dos empregados que traballan na rúa.
O MOVE 2010 reuníu este ano a uns 3.000 visitantes, os cales puideron comprobar de primeira man as novidades que Ayco vén de incorporar co BDLocaliza xa que é a primeira aplicación das súas características deseñada para o sistema operativo Android 2.2 do novo Samsung Galaxy Tab. O sistema utiliza a tecnoloxía GPS do novo tablet de Samsung para prestar servizos de xeolocalización en tempo real de persoas, unha aplicación que demostrou a súa eficacia á hora de optimizar procesos e xestionar de maneira eficiente os recursos dunha organización.
O sistema Check Point, pola súa parte, funciona mediante unha tarxeta de uso persoal e a tecnoloxía Black Pen, un bolígrafo capaz de transformar o escrito en datos e de envialos automaticamente ao sistema informático de calquera organización. O usuario de Check Point transmite en tempo real ao seu centro de traballo información sobre a súa situación e sobre a hora de inicio e de fin da súa actividade.
Aplicado a sistemas de vixilancia, por exemplo, Check Point reduce o tempo de reacción ante unha emerxencia xa que, con esta aplicación, é posible controlar as roldas realizadas por axentes de seguridade e activar a alarma se se produce unha demora no paso dun axente por un dos puntos de control.
Presentadas con éxito as ferramentas de xeolocalización de Ayco
Compartir Este Artigo

