Este xoves 25 de novembro, Compostela ponse no punto de mira dos profesionais internacionais en materia de cálculo a gran escala pola vía informática. Así nolo contan dende o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), referencia galega e estatal en operacións de cómputo ao servizo de todo tipo de fins: erradicación de doenzas, prognósticos climáticos, investigación con novos fármacos, predicións de mercado para empresas, simulacións de produtos e servizos, etc.
A supercomputación e as súas posibilidades (un mundo que se lle abre á investigación e que doutro xeito ficaría pechado) é o gran obxectivo da xornada científica CESGA High Performance Computing and Networking 2010 que se celebra o xoves 25 na Facultade de Matemáticas de Santiago e que se dirixe a favorecer o intercambio de experiencias arredor do potencial do cálculo informático a gran escala, hoxe en día fonte de recursos para os científicos pero tamén para os empresarios e profesionais de tódolos sectores.
As experiencias de innovación industrial e de investigación científica dos usuarios do CESGA, as necesidades dos usuarios para o avance das súas investigacións e a oferta tecnolóxica e científica do CESGA a disposición da ciencia e a industria serán os eixes da reunión, informan dende o centro galego.
Amais de todo isto, estímase que o encontro (que ten periodicidade anual) xirará en boa medida arredor das posibilidades do cálculo informático arredor dunha cuestión que nos preocupa cada vez máis: o cambio climático. Nesta liña e noutras semellantes insírense as intervencións de relatores como Marcos Sotillo, de Portos do Estado, que presentará o novo Sistema Europeo de Predición Mariña na Costa Atlántica, froito do proxecto europeo MyOcean. Máis polo miúdo, trátase dunha cooperación científico-técnica na simulación da análise do medio mariño para a construción de modelos en oceanografía. “Considerado como un chimpo cualitativo para a ciencia mariña en España, as ferramentas desenvolvidas neste traballo empregaranse para estudos de cambio climático, xestión de recursos mariños e prevención de catástrofes”, informa o CESGA. O Centro Nacional de Enerxías renovables de España, pola súa banda, afondará polo miúdo na innovación no eido da Aerodinámica a través de proxectos comerciais e de investigación que está a desenvolver para crear unha nova xeración de aeroxeradores empregando simulación numérica no seu deseño.
Tamén participarán activamente na xornada diversos colectivos científicos vinculados ao CESGA, presentando achados e recursos desenvolvidos coa axuda dos recursos do centro galego, incluído o supercomputador ao que dá acubillo este edificio: o Finis Terrae. Nesta liña insírense as recentes investigacións contra a Malaria que na xornada virán da man do doutor Hugo Gutierrez de Terán, da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, ou o Proxecto DrugsForAgeing, de identificación de dianas farmacolóxicas e compostos inhibidores que poidan empregarse no desenvolvemento de novos fármacos contra o Alzheimer, e que presentará Xavier Daura do Instituto de Biotecnoloxía e Biomedicina da Universitat Autónoma de Barcelona.
Programa da xornada.
Data: Xoves 25 de Novembro de 2010 Hora: De 9:30 a 18:30 h. Lugar: Aula Magna da Facultade de Matemáticas, Universidade de Santiago de Compostela
Organiza: CESGA
Colaboran: Rede GHPC, i‐MATH Nodo CESGA
O potencial da supercomputación na loita contra doenzas ou o cambio climático, a debate este xoves en Santiago
Compartir Este Artigo

