A compañía de electrónica de consumo Blusens presentou hoxe en Compostela o seu novo produto estrela, o web:tv, que combina nun único trebello un completo reprodutor multimedia con alta conectividade e sintonización/gravación de TDT de alta definición, polo que álzase coma un complemento perfecto para o fogar dixital de cara ao consumido audiovisual no salón.
Concretamente o web:tv permite a conexión de memorias e discos duros USB dende os que cargar contidos multimedia nos formatos máis habituais (incluíndo o popular MKV) ou nos que gravar o sinal da televisión que pode recibirse grazas ao seu sintonizador de TDT de alta definición, de xeito que os usuarios de televisores de alta definición poderán aproveitar a súa resolución de pantalla reproducindo contidos Full HD descargados da Rede ou gravados das cada vez máis canles que ofrecen contidos en HD.
O dispositivo tamén pode conectarse por Ethernet e Wi-Fi á nosa rede local para reproducir contidos dende os ordenadores do noso fogar, comunicación que será recíproca, de xeito que dende o PC tamén poderemos ver as canles de televisión sintonizadas no web:tv. A conectividade tamén serve para acceder á Internet, polo que as canles de televisión que emiten pola web estarán dispoñibles a través do web:tv, pero o dispositivo de 12 x 10 x 4 centímetros tamén integra un navegador web baseado en Webkit capaz de amosar páxinas web estándar (podendo completarse a experiencia cun teclado), o que amplía de xeito considerable o uso que podemos facer do televisor do salón coma dispositivo de consumo de información.
O web:tv chega este venres ao mercado a un prezo de 149 euros (aínda que xa é posible adquirilo a través da tenda en liña de Blusens), pero dende Blusens xa advirten que en decembro distribuirán de balde unha actualización deste produto para incrementar as súas prestacións e pulir algúns dos detalles iniciais.
Blusens presenta oficialmente o seu web:tv
Compartir Este Artigo
