A realidade virtual conséguese cunha interface que axuda a crear a ilusión de que o usuario está inmerso nunha realidade xerada por ordenador porén, a fin de contas, unha realidade. Pode supoñerse que sempre se precisa dun sistema de visualización avanzado de inmersión e complexos e caros sistemas de hardware de interacción pero, segundo afirman dende o IDC Galicia (Interactive Digital Center) “non é así, posto que a inmersión nun entorno 3D consíguese influíndo directamente sobre os sentidos do usuario, non só sobre a vista”, algo no que traballan actualmente os integrantes do organismo a fin de abaratar custes e perfeccionar o sistema.
Esta entidade, que é o departamento do CIS Galicia especializado no desenvolvemento de Aplicacións de Realidade Virtual, Realidade Aumentada, Estereoscopía e Integración Hardware/Software, pode abordar dende a fase inicial do deseño conceptual o modelado 3D, texturizado, renderizado e programación de aplicacións de realidade virtual, e integrar así imaxes reais e virtuais en tempo real.
IDC Galicia traballa actualmente en temas de realidade aumentada para tarefas de mantemento principalmente orientado aos sectores naval e de automoción, así como con técnicas de vídeo estereoscópico que permiten, mediante a gravación con dúas cámaras ao mesmo tempo, a xeración de vídeo en 3D en calquera monitor.
Os obxectivos deste centro van dende a realización de proxectos e presentación dos mesmos a convocatorias competitivas, ata a prestación de servizos de realidade virtual a empresas e institucións, pasando polo desenvolvemento de proxectos de I+D+i a partir do uso de realidade virtual e tecnoloxía 3D.
Para isto, o IDC Galicia conta cunha área de Desenvolvemento, unha de Formación e outra de Visualización Avanzada. Nas dúas primeiras áreas, a entidade dispón de estacións de traballo debidamente dotadas de medios para o traballo en realidade virtual, mentres que na terceira dispón dunha CAVE con tres paredes e chan activos, un sistema de doble proxector portátil, un sistema de casco + luvas de realidade virtual e un sistema de pantalla “táctil” sen contacto.
Todo isto, segundo informan, “está a disposición das empresas e institucións galegas para que o empreguen nas presentacións aos seus clientes e colaboradores, tanto no propio IDC Galicia como en feiras, congresos, exposicións ou campañas comerciais”.
Agúns dos campos de actuación de IDC Galicia a partir desta tecnoloxía virtual teñen que ver con presentacións virtuais de produtos, configuradores, estudos de enxeñaría, deseño de interfaces avanzados, simuladores, mantemento de equipos, deseño e prevención de riscos laborais, deseño de edificios civís e industriais, entre outras cousas, realizado por encargo e ao gusto do cliente.
Asemade, o IDC Galicia desenvolve tarefas formativas relacionadas coas tecnoloxías coas que traballa no seu día a día. Entre outras, desenvolve tarefas de formación nas ferramentas Rhinoceros e EON Reality, das que é Centro Oficial de Formación. Estas actividades comprenden tanto cursos abertos a todo o público como cursos particulares para unha determinada entidade que leva a cabo por encargo.
IDC Galicia traballa no perfeccionamento da súa tecnoloxía de realidade virtual
Compartir Este Artigo

