Os picoproxectores para realizar presentacións multimedia en mobilidade son un produto cada vez máis frecuente no mercado pola súa versatilidade, que parece mellorar aínda máis co SHOWWX+, un dispositivo de peto capaz de xerar unha imaxe cunha resolución de 848 x 480 píxeles a un tamaño de entre 12 a 100 polgadas, con 15 lúmenes e un contraste de 5.000:1 que opera en terminais de Apple que funcionen con iOS e teñan capacidades de saída de vídeo.
Este trebello de MicroVision promete ser o primeiro picoproxector laser capaz de achegar unha experiencia cinematográfica de grande pantalla transportable no peto, pois a súa batería achega unha autonomía de 2 horas, o que debería ser máis que suficiente para unha completa presentación ou incluso para a reprodución dunha película.
O SHOWWX+ é bastante versátil, servindo para presentar imaxes no respaldo dun asento de avión, nun recibidor ou nun ascensor, podendo proxectar unha pantalla que dobra en tamaño ás dos seus competidores á mesma distancia.
O produto parece funcionar axeitadamente en terminais coma o iPod Touch, o iPhone e o iPad grazas a un cable de compoñentes de vídeo incluído, aínda que tamén poderá empregarse con outros dispositivos coma móbiles, portátiles, cámaras.. que teñan saída de vídeo ou VGA, aínda que a un prezo un tanto elevado, pois o prezo recomendado nos EE.UU. é de 449 dólares (336,75 euros).
Vídeo de presentación do novo picoproxector de MicroVision
SHOWWX+, o proxector de peto para dispositivos móbiles de Apple
Compartir Este Artigo

