Se facemos caso das previsións do grupo francés Eutelsat, do ano que vén en adiante, o acceso á banda larga pola vía do satélite será máis rápido e máis barato. Isto será posible grazas ao envío ao espazo dun novo satélite, chamado KA-SAT, que estará voando sobre as nosas cabezas a partir do 20 de decembro e que se atopa neste intre na recta final do proceso de desenvolvemento. De feito, informa Galicia Hoxe facéndose eco de fontes da dita compañía (na que ten unha importante participación a española Abertis), o aparello xa está de camiño a Kazaxistán, onde se procederá a poñelo en órbita dende a base de Baikonur. Dáse a casualidade de que KA-SAT semella feito á medida dos internautas, xa que entre outras cosas ten potencial para subministrar servizos de banda larga a uns 15 millóns de familias de toda Europa, centrándose en aquelas onde as restantes canles de conexión non fan acto de presenza, ben porque non queren as operadoras ou ben porque lles é tecnicamente (e economicamente) imposible.
No caso da nosa terra, as posibilidades do novo satélite son amplas para unha boa parte do noso territorio, sobre todo as zonas de montaña das provincias do interior (Ancares, Courel, Xurés). Xa nun plano máis concreto, esta cobertura galega permitiríalles ás familias do rural chegar a unha taxa de descargas de 10 megas por segundo, sendo a taxa de subida de 4 megas, e todo isto cun custe semellante ao que incorpora o ADSL2 terrestre.
O aparello, que foi construído nas instalacións da división especial de Astrium na cidade de Toulouse (Francia), inclúe unha rede de oito portas de conexión habilitadas en diferentes recantos de Europa, estando unha delas en Madrid (Arganda). Isto e as súas capacidades de transmisión de datos sitúa ao devandito satélite como o máis potente do mundo dentro das súas características.
O satélite KA-SAT podería abaratar e mellorar a oferta de banda larga na nosa terra
Compartir Este Artigo
