A Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información, a través de Red.es, vén de por en marcha a terceira edición do programa NEW (Ningunha Empresa sen Web), co obxectivo de axudar ás pequenas e medianas empresas de todo o Estado a crear e xestionar a súa propia páxina web, comezando así a súa andaina na Rede, e permitíndolle abrir o seu negocio as 24 horas do día e os 365 días do ano.
Nesta terceira edición do programa, a entidade pública volve a ofrecer “a mellor solución adaptada a cadansúas necesidades”, a fin de que calquera empresa ou autónomo poida contratar o “paquete” que mellor se adapte ó seu peto, gastando dende 24 euros ata 275 euros ao ano.
Isto permitiralle aos pequenos e medianos empresarios do noso país beneficiarse de ter presenza na Rede, ofrecendo unha imaxe e proxectando un servizo que doutra maneira non poderían ofrecer alén dos nosos lindes.
Porén ademais de importantes beneficios para a imaxe do negocio, contar cunha páxina web de seu permitiralle aos nosos empresarios e empresarias mellorar a comunicación con provedores e clientes e acurtar as distancias no espazo e no tempo cos mesmos.
Os “paquetes” ofertados nesta ocasión por Red.es van dende os 24 euros ao ano por un paquete de presenza básica que ofrece o rexistro e o mantemento dun nome de dominio .es; ata o “paquete avanzado”, que por 275 euros ao ano ofrece tódolos servizos do paquete básico e ademais o deseño e a elaboración da web por parte de profesionais cualificados. Este servizo tamén inclúe un maior número de buzóns de correo electrónico, un incremento da capacidade deste, unha maior capacidade de almacenamento web e funcionais adicionais como: buscador, descarga de arquivos, catálogos dixitais, novas…
Os empresarios e empresarias interesadas en crear a súa propia web a partir do programa NEW poderán solicitar máis información na web habilitada a este efecto ou chamando ao teléfono 902 22 33 22.
En marcha a III edición do programa Ningunha Empresa sen Web
Compartir Este Artigo

