Fegatur, Agatur e Pazos de Galicia, no marco dun convenio asinado con Turgalicia (do que falamos recentemente nesta web), van organizar en Santiago de Compostela a sesión inaugural das Xornadas de auditorías de impacto para Webs turísticas TURIS-TIC, que posteriormente se desenvolverá tamén polas catro provincias galegas. O obxectivo é colaborar activamente nas estratexias xerais de promoción turística de Galicia, e máis especificamente no desenvolvemento e promoción do Turismo Rural da Comunidade Autónoma na Rede.
Asemade, con esta acción, as devanditas entidades pretenden impulsar a vertebración asociativa de Galicia e colaborar no deseño e execución de campañas promocionais. Neste espazo, nace o proxecto de colaborar tanto económica como tecnicamente, para darlle pulo á nova Central de Reservas de Turgalicia así como para o fomento da presenza dos establecementos rurais en Internet.
As xornadas, por outra banda, intentarán solventar e crear unha simbiose entre as novas tecnoloxías e o medio rural galego, territorio de actividade dos aloxamentos rurais que compoñen o Turismo Rural.
En resumidas contas, TURIS-TIC ofreceralle aos empresarios do sector do Turismo Rural as ferramentas necesarias para que optimicen os seus propios recursos comunicacionais e melloren a súa promoción e comercialización a través de Internet.
As inscricións poderán realizarse a través da web oficial das xornadas ou chamando ao teléfono 902 233131.
TURIS-TIC dará comezo en Compostela o vindeiro día 30
Compartir Este Artigo

