O grupo de danza da USC, a Aula de Teatro da UVigo e docentes e alumnos da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESAD), veñen de por en escea un peculiar espectáculo conxunto de danza nas Universidades de Vigo e Santiago, que puido ser seguido en directo a través das súas webs en Internet.
Tanto o grupo de teatro, que se atopaba na Universidade de Vigo, como o de danza, que se localizou na Universidade de Santiago, actuaron na distancia botando man das novas tecnoloxías, recibindo as imaxes do outro grupo mediante proxeccións, de xeito que puideron interactuar entre si.
O proxecto, organizado por i2CAT e Kònic e coordinado polo CEER, xurdiu grazas a unha subvención do Ministerio de Cultura e contou coa participación activa das Universidades de Santiago, Vigo, Trás-os-Montes e Alto Douro e a ESAD.
Adicionalmente ao evento, a Fundación i2CAT está a ofrecer aos participantes formación relacionada coas TICs nas industrias culturais, que estes días imparten técnicos das Universidades de Santiago e Vigo. Do mesmo xeito, a UTAD organiza para o vindeiro 17 de decembro unha clase maxistral enfocada ao emprego das novas tecnoloxías na creación de proxectos artísticos, que será retransmitida pola Rede.
As novas tecnoloxías póñense ao servizo do teatro e da danza na Universidade
Compartir Este Artigo

