Os vindeiros días 17, 18 e 19 de decembro, practicamente ás portas de dar comezo ás festas do Nadal, o Concello de Allariz vai reunir na Casa da Mocidade da vila a tódolos internautas da comarca e arredores para darlle a benvida ao novo ano da maneira que máis lles gusta: con conexión á Rede de alta velocidade e con moitos xogos para disfrutar en boa compañía, nunha nova edición do Fiadeiro Party.
Este evento informático, que se leva celebrando na vila dende o ano 2001, fixo unha paréntese o ano pasado e volve con máis forza ca nunca para facer as delicidas de mozos e menos mozos afeccionados ás novas tecnoloxías e Internet.
Ademais de xogar, compartir contidos en liña e intercambiar información de utilidade, esta festa permitiralle ás persoas asistentes facer novos amigos e amigas cos mesmos gustos e afeccións ca eles, ao tempo que se informan das últimas novidades en materia de novas tecnoloxías que se xeran na Rede.
Durante 48 horas e de maneira ininterrompida, as persoas que se inscriban poderán participar en competicións, probar videoxogos, descargar contidos, chatear con outros internautas, asistir a proxeccións, participar en sorteos, xogar en liña, ou intercambiar experiencias e coñecementos.
Para participar, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico cos seus datos a novastecnoloxias@allariz.com ou chamar ao teléfono 988 442 210. A inscrición é de balde, porén a organización do evento ofrece a comida e a bebida dos tres días por tan só 20 euros.
Como en toda party informática que se prece, as persoas participantes deberán acudir co seu propio ordenador con tarxeta de rede así como todo aquelo que axude a pasar os tres días da maneira máis cómoda posible como sacos de dormir, bebidas isotónicas ou auriculares xa que non está permitido o uso de altavoces.
Allariz prepara o Nadal máis tecnolóxico no Fiadeiro Party
Compartir Este Artigo

