En casa de ferreiro, coitelo de pau. Isto vén a conto pola enleada en que se vén de meter a NASA, sobre o papel un referente en uso da tecnoloxía pero en aparencia deficitaria no sentido común aplicado á seguridade desa tecnoloxía. Segundo se informa na Rede, a NASA caeu estes días na trampa na que caemos moitos de nós (arredor da metade) á hora de pór no mercado os nosos móbiles de segunda man, cos teléfonos das amizades e con fotos de despedidas de solteiro incluídas. Ou sexa, que non borrou a información que debía ter eliminado nos equipos e discos duros que está arestora a vender para pórlle fin ao programa do transbordador espacial, material composto por milleiros de artigos sobrantes e obsoletos para o seguinte proxecto especial, xa en preparación.
Ao parecer, e en contra do que se podería pensar tendo en conta os datos que achegamos antes, os datos que inclúen os equipos non son escolmas fotográficas das vacacións dos traballadores senón algo máis serio: información relativa ao dito transbordador e máis a outros programas, sinalou o inspector xeral da oficina aeronáutica, Paul Martin.
O informe da auditoría que descubriu estes feitos sinala 14 computadores do Centro Espacial Kennedy como deficitarios nos debidos exames de seguridade, 10 dos cales xa foron distribuídos entre a cidadanía. Tamén se constatou a desaparición de determinados discos duros no devandito centro e máis no de Langley, en Virxinia. Por certo que os que desapareceron en Kennedy foron atopados máis tarde nunha planta de refugallos, onde ían ser amoreados para logo vendelos.
A NASA vende por erro equipos informáticos con información privada
Compartir Este Artigo
