Pode que non se diga nos manuais de estilo dos grandes medios, pero o sufrimento alleo en calquera das súas manifestacións sempre será unha boa nova. Por se quedase algunha dúbida ao respecto, non hai máis que ver a manipulación que se fai destas cuestións nas canles de TV: mesmo se deixa en suspenso o relato da nova para dar paso á publicidade. Para ben e para mal, sempre nos quedarán as redes sociais para dar a nosa opinión ao respecto, aínda que ao final todo fique no mesmo. Nesta liña de facer fronte común é na que se move un novo grupo en Facebook dirixido a loitar contra esa teima que teñen os comunicadores e (tamén) os espectadores de ver canto máis sangue mellor.
Segundo se nos conta en Galicia Hoxe e Público, o colectivo en cuestión pregúntase a si mesmo e aos demais o porqué de tanto sufrimento alleo nos telexornais, que comezan e rematan case sempre cunha liorta, un atraco ou un apuñalamento. Asemade, o grupo encamíñase a deixar claro, dunha vez por todas, que este trato privilexiado que se lle dá nos medios á dor dos demais non está no maxín dos espectadores máis críticos. Segundo recentes estudos reflectidos por Público tras avaliar 175 horas de novas, cadeas como Telecinco centran máis da cuarta parte destes contidos en achegar informacións de suceso.
O grupo de Facebook do que falamos chámase Abonda de sucesos nos informativos de televisión e foi posto en marcha por José Ignacio De Quesada. A súa actividade baséase (entre outros datos) nun estudo recente que afirma que no bloque de información estatal dos informativos de televisión, t3 de cada 5 novas fan referencia a mortes, asasinatos ou acontecementos escabrosos.
