PandaLabs, o laboratorio antimalware de Panda Security, vén de detectar unha campaña de envío masivo dun novo phishing que chega por correo electrónico empregando como gancho o banco BBVA e unha suposta campaña de Nadal.
Segundo a información que chega nos correos electrónicos fraudulentos, con só unha inscrición, as persoas usuarias poden gañar ata 150 euros de maneira instantánea, “sen sorteos, nin concursos”, engaden.
Trátase dunha nova tentativa de roubo de identidade (phishing) que se inicia cando o internauta pincha na ligazón que se achega no e-mail e que leva a unha web cunha gran similitude á da oficina en liña de BBVA, porén baixo un dominio falso.
A partir dese momento, calquera persoa que introduza as súas credenciais para entrar na súa conta en liña, non só non accederá senón que lle dará todos os seus datos a ciberdelincuentes que poden cometer estafas económicas con eles, tales como realizar transferencias ao seu favor ou vendelos no mercado negro.
A diferencia doutras campañas de phishing levadas a cabo en España, nesta está moi coidado o deseño e a redacción das mensaxes e o gancho que empregan é moi creíble por estarmos nunhas datas que se prestan a este tipo de accións de publicidade.
Dende PandaLabs, da man do seu director técnico, Luis Corrons, lémbranlle ás persoas usuarias que “desconfíen de calquera tipo de e-mail que reciban destas características e que revisen as normas de seguridade da entidade bancaria, coa fin de garantir a integridade dos seus datos persoais”.
Panda alerta dun novo phishing bancario co Nadal e o BBVA como ganchos
Compartir Este Artigo

