Arteixo Telecom, unha das empresas galegas con máis proxección nacional e internacional grazas á súa aposta pola innovación e o desenvolvemento de produtos tecnolóxicos, e con capacidade para ofrecer as mellores solucións TIC aplicadas a calquera ámbito da economía, vén de poñer en marcha un sistema automatizado para o control intelixente de rego e fertilizantes en tempo real, que ben podería valer para calquera explotación galega, porén, nesta ocasión foi parar a unha plantación de fresas da localidade onubense de Lepe.
Este sistema, baseado no despegue dunha rede sen fíos de sensores, é quen de medir os parámetros relacionados co cultivo e enviar a información ou ben almacenala nun servidor central para dar conta da plantación a distancia.
A información recibida analízase e procésase para a xeración de informes e gráficas, así como par dar lugar ás ordes necesarias para o control do sistema de rego e fertilización.
Asemade, en caso de detectar valores considerados críticos, o sistema pode xerar unha serie de alarmas que se envían por SMS ao xestor da explotación.
A través de Internet e de sistemas de comunicacións móbiles, a información sobre o estado da plantación en tempo real está dispoñible para os usuarios as 24 horas do día dende calquera lugar.
Para a monitorización en tempo real, os responsables de Arteixo Telecom, que traballaron en colaboración coa empresa andaluza iG4, depregaron redes de sensores sen fíos que permiten a súa dispersión en superficies de terreo moi amplas, sen necesidade de cableado.
Trátase dun nodo con capacidades de comunicación GPRS que recolle os valores da mostra para, posteriormente, envialos a un servidor central, ubicado nas instalacións de Arteixo Telecom.
No centro de control, o servidor central, almacénase toda a información e realízanse as comprobacións necesarias para determinar que os valores sensorizados son os óptimos, xerando o envío de alarmas en caso contrario. O usuario pode acceder a este servidor para visualizar en tempo real a evolución dos parámetros estudados e analizar os informes e gráficas que xera o sistema.
A tecnoloxía galega ponse ao servizo do campo andaluz
Compartir Este Artigo

