Alcatel-Lucent está a presentar estes días unha novidade tecnoloxía que podería ser unha alternativa axeitada para achegar conectividade nas zonas completamente illadas da nosa xeografía, tanto que non teñan nin rede eléctrica, cobertura móbil ou Internet. A tecnoloxía en cuestión tiraría partido do que ao noso xuízo ten que ser por forza a base da innovación por enteiro: as enerxías renovables. Segundo se conta dende Elmundo.es e ADSLZone.net, a compañía francesa está a desenvolver novas estacións de telefonía que achegarían acceso á rede de telefonía móbil a través dun uso compartido da enerxía eólica, eléctrica e solar.
Estas infraestruturas, que xa están activas en zonas afastadas do sur de Qatar, poderían cubrir as necesidades comunicativas de arredor de 1.000 millóns de persoas en todo o mundo, sinala a multinacional facendo referencia á porcentaxe de cidadáns que arestora viven en emprazamentos sen electricidade.
O obxectivo da empresa era abrir mercado a través do emprego do sostible. Ou sexa, que o que se procuraba era substituír as solucións postas ata agora nestas zonas en sombra, antenas con xeradores (consumindo combustibles do petróleo, contaminantes e custosos de transportar), por outras que se alimentasen de renovables. As instalacións, como dixemos, inclúen tres tipos de fontes: solar (a través de paneis), eólica (mediante muíños) e eléctrica (baterías que acumulan enerxía). Asemade, complétase o panorama cun xerador diésel para os días en que fallase calquera outra das alternativas. Con todo, o 90% da enerxía que estas instalacións consumen provén do vento e máis do sol.
Alcatel-Lucent desenvolve estacións sustentables para achegar rede en zonas illadas
Compartir Este Artigo
