Grazas a tecnoloxía galega, os sistemas estatais de transporte podería ter mellores ferramentas de control, tanto para evitar sinistros e danos como para inspeccionar os que xa se deron. Así nolo conta estes días a Universidade de Santiago facéndose eco das últimas novas procedentes do seu Grupo de Visión Artificial, departamento do que xa falamos nesta web para informar do seu sistema portátil para a identificación de persoas a través das súas retinas. Da man do mesmo grupo chega agora unha tecnoloxía para avaliar danos e metroloxía dimensional de nova xeración para os sectores ferroviario, aeronáutico, naval e eólico. A iniciativa, na que participa un consorcio de 17 empresas e 9 grupos de investigación e centros tecnolóxicos de todo o Estado, inclúe un exhaustivo labor de procesamento de imaxes de fotografía e vídeo. Neste punto é onde se centran sobre todo os esforzos dos profesionais da USC.
As posibilidades do seu traballo son amplas: no caso de ter que avaliar os sinais de uso que achega un tren, as tecnoloxías que desenvolve este grupo permitirían un certeiro achegamento a elementos como a temperatura ou os freos, así como os rodamentos e outras partes da máquina nas que cumpra facer recambios. A idea é evitar na medida posible posibles descarrilamentos. Con este obxectivo, sinalan, sitúanse cámaras baixo os trens para extraer de maneira automática medidas que sirvan para facer informes sobre o estado das máquinas e sen que sexa preciso que o tren se deteña para levar a cabo a análise. Neste punto, o grupo galego achega a súa experiencia para a elaboración de recursos que reconstrúan en tres dimensións as pezas de elevadas dimensións, sendo posible a través das fotografías extraer un modelo xeométrico para a súa manipulación. Este traballo subministraría a fiabilidade requirida e non obrigarían a “unha inspección destrutiva”, con todo o que de vantaxe ten o virtual. Polo tanto, tamén reduciría os custes de control e os riscos dunha inspección manual.
A finalidade desta iniciativa, máis polo miúdo, é desenvolver un sistema automático que indique a situación das pezas dos trens antes de que entren no taller, sinalan.
Especialistas da USC colaboran nun sistema para avaliar trens pola vía virtual
Compartir Este Artigo
