O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), na súa teima por levar as vantaxes das novas tecnoloxías a tódolos eidos da sociedade galega, vai colaborar nas VIII Xornadas SINDUR: Da Cidade Dixital á Cidade Aumentada, Impulsando a Intelixencia Social en Santiago de Compostela a partir das TIC, que se desenvolverán o vindeiro día 15 na capital galega, no Idega.
Con estas xornadas, o grupo de investigación GIST da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa AISTI, pretende analizar como podemos superar a cidade dixital clásica que promove a formación da xente no uso de Internet, a creación de webs locais ou os telecentros cun novo concepto de cidade aumentada que, segundo a organización do encontro, “lle dea pulo á difusión de produtos territoriais, empresas locais e sociedade civil a través das redes sociais e a Internet, promovendo o desenvolvemento económico e a innovación”.
A xornada, entre outras cousas, abordará a sociedade da información nos Estados Unidos e nela daranse a coñecer proxectos TIC de éxito levados a cabo en cidades e pobos. Entre os relatores convidados ao acto figura o presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo, que intervirá co seu relatorio, Innovación e Investigación dende o mundo profesional. O caso do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
A xornada é de balde e para participar, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a aistic@gmail.com.
O CPEIG colabora en Compostela nunhas xornadas TIC
Compartir Este Artigo

