Como cada cousa que chega nova, a computación na nube (esa posibilidade de facer fóra, en liña, o que adoitabamos a facer dentro da empresa, sobre todo o relacionado coa información), ten que ser estudada a fondo. A capacidade de desmemoria do ser humano non ten límites, e xa non é a primeira vez que os nosos datos fican descubertos por confiar cegamente en algo que brilla moito. Un dos persoeiros máis críticos con esta posibilidade de externalización dos procesos da empresa é Richard Stallman, persoeiro representativo do movemento mundial de software libre e fundador da Free Software Foundation. Segundo fixo saber e reflicten medios como Liberdade Dixital, o concepto de computación na nube, por moito que veña avalado por compañías de renome e que se presente como o motor empresarial que precisabamos perante a crise, non significa ren. Ao seu xuízo, cumpriría chamar a esta tendencia tecnolóxica doutro xeito. Se cadra da seguinte maneira: “computación descoidada”.
Isto vén a conto polo principal problema de sempre: o de confiar sen espírito crítico en canta solución se nos presenta, o que non quere dicir que esta solución non teña vantaxes, como case con toda probabilidade terán as da computación na nube. Volvendo ao concepto de “computación descoidada”, Stallman fai referencia a unha das principais características deste xeito de actuar tan ligado ás redes: implica que os datos e as aplicacións, incluíndo xestión, control e acceso, fiquen na man de terceiros. Para o gurú do software libre, está claro que esta tendencia terá éxito, malia os problemas que ao seu xuízo achega. “Moita xente seguirá adoptando a computación descoidada porque cada minuto nace un parvo”, sinala. É máis: segundo a súa opinión, detrás da computación na nube e o seu espallamento non só se atopan as grandes corporacións senón tamén algúns gobernos como o de Estados Unidos, que xa apoiou esta vaga de servizos porque iso lle permitiría acceder á información das persoas e das empresas sen mandamento xudicial, requirimento só válido cando a información é nosa fisicamente falando.
Stallman chámalle parvos aos que confían cegamente na computación na nube
Compartir Este Artigo
