Malia que este ano a chegada de Nadal se retrasou unhas semanas en comparación con outros anos nos que xa a comezos de novembro viamos as rúas decoradas e os comercios cheos de xente apurando as súas compras, o certo é que xa está aquí, e tamén chegou á Rede.
E coma sempre, coa chegada destas datas, chega a oportunidade dos ciberdelincuentes para facer o seu particular sanmartiño á conta dos internautas máis despistados; e chega en forma de tendas en liña falsas, onde se venden todo tipo de produtos a prezos sumamente atractivos que levan aos consumidores a ser vítimas de fraudes económicos.
Así nolo afirma o laboratorio antimalware PandaLabs, que vén de descubrir a última estafa en liña da tempada: unha tenda de móbiles cun deseño moi logrado que ofrece as últimas novidades en telefonía con prezos moi inferiores aos habituais para os terminais ofertados.
Trátase dunha páxina fraudulenta na que só se admite, como única forma de pago, “o xiro inmediato” a unha dirección suministrada en Palma de Mallorca, malia que na páxina vemos os logos das tarxetas de pago e dunha das pasarelas máis populares.
A web conta cun deseño e unha mecánica de funcionamento moi real e creíble, porén deixa ver evidentes faltas de ortografía no texto que delatan a súa orixe.
O dominio da mesma está dado de alta dende o pasado 7 de decembro mediante unha entidade rexistradora australiana e ofrece produtos que nin sequera existen nos catálogos dos fabricantes.
Asemade, ofrece prezos reducidos nalgúns casos ata o 50 por cento, non achega ningunha forma de contacto co distribuidor, non mostra referencias de ningún tipo de cifrado da información ou certificado dixital, e o nome que figura como receptor do xiro económico aparece nun boletín oficial dunha cidade española como embargado. Son todas elas pistas que, tal e como aseguran dende Panda, revelan que “se trata dunha estafa”.
Malia aos avisos e advertencias, PandaLabs recomenda que de ter sido vítima deste tipo de estafas, o internauta denuncie o antes posible para evitar males maiores.
Os hackers fan a súa particular campaña de Nadal
Compartir Este Artigo

