O Concello de Brión vén de facer reconto da actividade despregada dende o Telecentro de Comunicación ao que dá acubillo, punto de acceso e formación dixital que cumpre un ano de vida e que forma parte da Rede de Telecentros da Secretaría Xeral de Medios. Segundo informa o Goberno local de Brión, nos 12 meses pasados dende a súa posta en marcha, acolleu máis de corenta cursos nos que participaron máis de 500 alumnas a alumnos e que constitúen máis de un milleiro de horas de formación nun ano, taxa de actividade que lle valeu ao telecentro a consecución do Nivel 1 da catalogación que realiza o Centro Multimedia de Galicia.
O responsable do telecentro brionés, Antonio Casal, saudou a obtención deste recoñecemento como unha “gran nova” para o concello coruñés, xa que iso significa que “estamos á altura doutros telecentros que levan funcionando varios anos e incluso por diante doutros centros de vilas moito máis grandes ca Brión”, sinalou. No que atinxe ao perfil do usuario, Antonio Casal conclúe que “é moi variado pois temos clases de iniciación para nenos de cinco anos ata xente da terceira idade”.
Por tipos de actividade, dos máis de corenta cursos achegados os que máis interese espertaron foron os de ofimática, sendo estas sesións formativas axeitadas para acadar as Acreditacións Europeas de Manexo do Ordenador, un certificado oficial da Fundación ECDL (European Computer Driving Licence). Por certo que esta entidade amosoulle o seu apoio a Brión ao emprazalo como o primeiro concello de Galicia autorizado para impartir estas acreditacións.
Brión fai reconto das accións do seu Telecentro, que foi alén das 1.000 horas de formación
Compartir Este Artigo
