Meubook, a iniciativa cultural e tecnolóxica da que falamos hai uns meses nesta web con motivo da súa presentación, está a achegar xa interesantes mostras de actividade na procura de novos formatos de negocio e promoción para os nosos libros. Unha mostra disto é o acontecido na tarde deste martes 21 na libraría Couceiro de Santiago, onde representantes da dita plataforma procederon a presentar un novo servizo dixital que, en termos xerais, materializa un soño de moitos seareiros da banda deseñada: permitiríalles converterse en protagonistas dun cómic. Máis en detalle, falamos dunha aplicación en liña que xera un personaxe de viñeta a partir dunha foto nosa para logo incorporala ás historias da familia Bolechas, creada polo debuxante Pepe Carreiro. Para que o miolo da aplicación se vira, os creadores penduraron na porta da libraría Couceiro o seguinte convite: Bolechízate.
O servizo, que xa está dispoñible en meubook.com, require poucos pasos. Primeiro é preciso que nos rexistremos, logo achegar unha imaxe nosa, escoller a feitura e o nome do novo membro da familia e despois elixir a lingua para o conto, que segundo contaron os membros de meubook.com e reflicte hoxe Xornal.com, pode ser calquera idioma dos da Península, mesmo o aranés. Na presentación do aplicativo fixo acto de prensa Pepe Carreiro, quen entre outras cousas confesou a súa desconfianza primeira cara á suposta complexidade do proceso, desconfianza que de contado esmoreceu ao comprobar de primeira man o doado e rápido que se bolechizou a persoeiros como o presidente do Goberno, Rodríguez Zapatero.
Na cita tamén participou Luís Pérez, membro de Gradiant, o centro galego de I+D, e máis Jacobo Bermejo, conselleiro delegado de Meubook. Para este último, esta nova andaina dixital de Os Bolechas constitúe a internacionalización definitiva dun proxecto de banda deseñada que xurdiu na nosa terra e agora é un exemplo de vocación mundial e de promoción da nosa cultura. Tamén se fixo saber que a programación usada para este servizo dixital, chamado Eu tamén son Bolechas, ten o valor de ser a primeira que achega unha evolución dos personaxes creados a través das distintas escenas.
Meubook presenta un servizo en liña para inserir aos lectores de Os Bolechas no propio cómic
Compartir Este Artigo
