O grupo de alimentación Cuevas, do que xa falamos nesta web para dar conta da posta en marcha de Aquié (supermercado galego e interactivo), quere levar o seu modelo de establecemento alimentario a outras cidades e vilas da nosa terra, alén das tendas que xa ten activas en Ourense e Porriño. Así o desvelou a propia empresa os días pasados e así o reflectiu Xornal, que fai fincapé na traxectoria ascendente do proxecto, tanto no que se refire a achega de clientes como no que atinxe ao recoñecemento de especialistas do sector. De feito, sobre este último punto, cómpre salientar que Aquié ficou finalista nos premios World Retail Awards, galardóns que salientan a innovación no eido do comercio. Amais desta aposta polo medre e o espallamento, entre as novidades xurdidas ao abeiro da iniciativa figura o servizo en liña Que facemos hoxe?, QHF, que podemos ver na rede cunha web propia de seu coidada na forma e no contido ata o máis mínimo detalle.
Trátase en liñas xerais dunha estratexia a prol da comida saudable, accesible en galego e máis en castelán, consistindo nun menú de suxestión que con periodicidade diaria poden levar impreso os clientes destes locais logo dunha operación coas pantallas táctiles que fornecen os supermercados, ou ben tirando partido da devandita páxina web.
Este servizo é un paso máis da estratexia da que xurdiu hai dous anos o proxecto Aquié: o emprego a fondo de novos formatos de comunicación, sobre todo interactivos, para cubrir a demanda informativa dos consumidores acerca dos produtos que mercan ou que teñen previsto mercar.
Perspectivas de espallamento nos supermercados interactivos galegos
Compartir Este Artigo
