Cando unha empresa que non é estritamente dixital celebra a súa presenza nas novas tendencias do dixital, isto quere dicir (como mínimo) que terá actividade na Internet 2.0 para un rato longo. Así nolo confirmou a traxectoria de Caixa Galicia antes da fusión e así nolo fai saber a firma resultante con actividades como os premios convocados con motivo do primeiro aniversario da Fundación Caixa Galicia na rede social Facebook. O certame, no que poderá participar calquera persoa con tal de ser maior de dezaoito anos, pon en xogo unha serie de premios tecnolóxicos a ter en conta, entre os que se inclúe un iPad, unha consola portátil Nintendo ou un netbook.
A clave para participar consiste en achegarlle á Fundación as imaxes ou vídeos que teñamos feito sobre as actividades que a institución organizou ao longo do ano de vida do espazo propio de seu en Facebook.
O certame, que mantén o prazo aberto para a presentación de obras ata o 24 de xaneiro, servirá entre outras cousas para elaborar un muro colectivo de creacións arredor da vida cultural galega. A idea de todo isto é tirar partido do potencial informativo dos máis de 6.000 usuarios do espazo 2.0 da Fundación, amais do que provén de visitantes externos e novos visitantes. Así explica a propia entidade as pautas básicas para concorrer neste concurso: “Poderase facer a reportaxe dunha exposición, un concerto, a presentación dun libro…, ou tamén a combinación dalgunha destas actividades, sempre e cando, como xa comentamos, sexan actividades nosas e entren dentro do período indicado no parágrafo anterior; a reportaxe deberédela colgar, identificada co título “Reporteiros Fundación Caixa Galicia”, no taboleiro do noso Facebook, e terá que ser un traballo orixinal e inédito”.
A Fundación Caixa Galicia celebra o seu primeiro aniversario en Facebook cun concurso TIC
Compartir Este Artigo
