Ver o que pasa nas redes sociais é ver o que pasa no mundo. E no mundo que temos máis preto, ese que agarda ao poñermos un pé na rúa, hai moita xente que se considera afortunada por ter unha lingua propia e quere darlle uso, mesmo na Internet. Desta situación é de onde xorde unha iniciativa concreta para tirar partido da repercusión do Facebook a prol da promoción do galego. Segundo se conta na Rede, a iniciativa ten data e hora (entre as 15.00 e as 18.00 horas do vindeiro 30 de xaneiro) e mesmo imaxe gráfica propia de seu: unha man aberta pintada sobre vermello e cun lema que di Lingua de liberdade.
Polo de agora estímase que este será o identificativo visual de case un milleiro de seareiros do Facebook (os directamente ligados ao xermolo da mobilización), pero está claro que a cifra irá a máis nos días vindeiros.
De feito, tendo en conta como funciona a rede social, cunha chamada levando a outra enleándose diversos colectivos, conseguiuse xa unha cifra de 3.000 convidadas/os ao acto. Detrás da proposta está o veciño de Tomiño Luís Marcote, impulsor do grupo Por un decreto que defenda a lingua galega, arestora integrado por uns 5.000 internautas.
30 de xaneiro: mobilización no Facebook a prol do galego
Compartir Este Artigo
