A Escola Trazos, un dos centros formativos especializados en cine dixital, animación 3D e deseño gráfico publicitario máis importantes de España, vén de sumarse ao concurso The 3D Challenge, posto en marcha polos estudos galegos Dygra Films para atopar novos talentos a nivel nacional e internacional no campo da animación dixital.
Trátase dun concurso en liña que, grazas ao apoio da Escola Trazos, dotará ao gañador dunha beca valorada en 3.000 euros para acceder a algún dos cursos do devandito centro de formación, o cal dispón dunha ampla oferta.
Asemade, Dygra ofrécelle á persoa que se faga co primeiro premio a posibilidade de incorporar o seu traballo á cuarta longametraxe que a produtora ten entre mans: Holy Night!, o film de animación “máis ambicioso” da firma, segundo palabras dos seus creadores.
O evento está a botar man das redes sociais (tales como Facebook, ou Twitter) para darse a coñecer alén das nosas fronteiras, e dispón dun blog de seu no que as persoas interesadas poden entrar para obter información sobre todas as novidades relacionadas co concurso, así como para acceder ás bases do mesmo.
Este acordo entre a escola Trazos e Dygra Films enmárcase na aposta permanente da produtora pola innovación, o talento, a formación e a tecnoloxía, que, segundo afirman, veuse materializando ao longo da súa historia “en numerosos acordos con universidades, escolas e centros educativos”.
A Escola Trazos concederalle unha bolsa de 3.000 euros ao gañador do concurso en liña The 3D Challenge
Compartir Este Artigo

